Os Puntos Limpos
Os Puntos Limpos son instalacións cun equipamento adecuado para a recepción, clasificación e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica que non teñen cabida no resto de contedores.
Trátase de espazos para a achega voluntaria daqueles residuos que non poden ser xestionados polos servizos convencionais de recollida, xa sexa polo seu tamaño ou pola súa composición. En concreto, debes depositar nos Puntos Limpos:
Residuos voluminosos: mobles, colchóns, electrodomésticos e similares.
Residuos especiais: aerosois, fluorescentes, disolventes, pinturas, vernices, radiografías, pilas e baterías, aceites minerais e vexetais.
Outros residuos: entullos de pequenas obras, chatarra, podas e céspede.
Así evitas que o seu destino final sexan as entulleiras, a rede de sumidoiros pública ou calquera outro punto de vertedura incontrolada, favorecendo a protección e mellora do medio ambiente.
Ademais desta rede de puntos fixos, en determinadas localidades existen alternativas de proximidade, como os Puntos Limpos Móbiles, que realizan percorridos periódicos por diversas localizacións, ou os Mini Puntos Limpos, pequenos contedores a pé de rúa que contan con varios compartimentos destinados ao depósito de residuos domésticos como pilas, CDs e DVDs, cargadores, móbiles, tóner e cartuchos de impresora etc.

